mércores, 29 de marzo de 2017

A IMPORTANCIA DA RÍA DE AROUSA NA ÉPOCA ROMANA. UNHA VISIÓN NOVA

As escavacións arqueolóxicas que se están producindo no xacemento de A Lanzada están cambiando a visión que existía sobre a comarca do Salnés na época romana e prerromana. Mira este interesante video:



Os arqueólogos que están traballando no castro da Lanzada están atopando que se trata dun lugar que tivo unha extraordinaria importancia no mundo romano e prerromano. Tratábase dun "centro comercial" da época, no que existía unha próspera industria de salga de peixe xa dende o século II ac e que logo continuou na época romana.  Sabíase da importancia das salinas na comarca do Salnés, de aí vén o seu nome, que aparece na división administrativa da Parroquial Sueva como Territorio Salinense, pero quizais non se destacara suficientemente. O xacemento da Lanzada confirma a utilización do sal nunha importante industria de salgadura, xa en época castrexa, s. II ac., e cunha tecnoloxía bastante avanzada (de orixe autóctona ou ao mellor de influxo foráneo: púnico?); así como a existencia dun importante comercio deste enclave con puntos lonxanos tanto do Mediterráneo (apareceron restos que proveñen de Grecia, de Cartago, de Italia...) como do Atlántico. Galicia poida que fose un "finisterrae" desde o punto de vista terrestre pero non se temos en conta o mar. E o seu suposto illamento non se sostén á luz destes descubrimentos.

Outro feito ven confirmar, na miña opinión a importancia da comarca do Salnés e da ría de Arousa no mundo antigo. Un enxeñeiro vigués, César González Crespán, afeccionado á astronomía e ás humanidades, expuxo recentemente a súa teoría de que a vía romana nº XX, atravesaba, "por lugares marítimos" dende a desembocadura do Miño ata a ría de Arousa. O trazado desta vía ou calzada romana, como moitas outras do Imperio Romano, está descrita no Itinerario Antonino (s. III dc.), con indicacións das distancias entre núcleos urbanos ou de "mansións" (pousadas) onde os viaxeiros poden descansar. Unha especie de guía de viaxe da época. Os autores que interpretaron este itinerario anteriormente facían ir a vía XX integramente por terra, como ían efectivamente a vía XVIII e XIX, dende as cidades de Braga ata Astorga, ver mapa a continuación.

Imaxe collida de: http://artenoafonsox.blogspot.com.es/2012/10/calzadas-romanas-na-gallaecia-via-nova.html

Imaxe collida de: http://www.astrovigo.es/2015/09/parte-de-la-via-romana-no-xx-per-loca-maritima-iba-por-el-mar.html


A diferenza entre a proposta de César González Crespán e outros autores anteriores que estudaron o itinarario, é que el propón que esta vía ten unha parte que transcorre polo mar, de aí o seu nome: "per loca marítima" que el interpreta na súa literalidade como puntos no mar e non só como lugares próximos ao mar. Apoia a súa hipótese o feito de que as distancias dunha parte da ruta estean en stadios, unha medida grega  máis apropiada para distancias no mar, e non en milia passuum, medida romana baseada nos pasos dun home, máis apropiada para zonas terrestres. Deste xeito el considera que dende AQUIS CELENIS ata GLANDIMIRO, eses puntos citados no itinerario e dos que os historiadores non teñen a certeza de a que puntos corresponden no territorio, transcorre un itinerario por mar.

Imaxe collida de: http://www.astrovigo.es/2015/09/parte-de-la-via-romana-no-xx-per-loca-maritima-iba-por-el-mar.html


Situa AQUIS CELENIS na desembocadura do Miño, compárese co mapa superior, onde se situaba a miúdo coincidindo coa cidade de Caldas ou de Cuntis. Esta cítase noutros itinerarios pero el pensa que non é a mesma cidade (pode que coincida o mesmo nome para sinalar dous lugares diferentes ou que fose mal transcrito algún deles). E os números danlle a razón porque as distancias que indica o itinerario respecto ao inicio da ruta en Braga son máis correctas. Outro cambio é que VICOS CAPORUM non correspondería a Vigo senón ás Illas Cíes, de feito aínda existe o topónimo Punta de Vicos na Illa máis meridional das Cíes. Tampouco correspondería o seguinte punto: AD DUOS PONTES, con Pontevedra, como todo o mundo afirmaba. Para el estaría no castro da Lanzada, nese punto do que acabamos de comentar a súa importancia. Un motivo máis para dar por probable esta nova teoría.

Aquí farei un inciso para facer un pequeno engadido pola miña parte. AD DUOS PONTES, significaría en galego cara, ou para dúas pontes, que César González interpreta que se estaría referindo a un lugar chamado aínda hoxe Pontes, no Concello de Sanxenxo e a Pontevedra. Eu permítome o luxo de apuntar outra posibilidade:
Pomponio Mela foi un xeógrafo hispano que viviu no s. I dc. e que deixou escrita unha obra chamada "De Chorographia" na que fai una descrición das costas da Península Ibérica. Cando describe Galicia, pasado o Miño, di que:  "la ciudad Lambriaca, recibe los ríos Ierna y Via..."


Xa Murguía falaba na súa Historia de Galicia da cidade de Lambriaca que para el estaría na desembocadura do Umia e apunta como o Padre Sarmiento a sitúa cerca das salinas de Noalla. Poidera ser Lambriaca o xacemento da Lanzada?. Tamén apunta Sarmiento que os ríos citados serían: o Via ou Vea, o Ulla e Ierna o Lérez. Deste xeito deduzco eu que o emprazamento de AD DUOS PONTES poidera referirse ás pontes romanas que probablemente existían tanto en Pontevedra, sobre o río Lérez, como en Padrón sobre o Ulla. Indica polo tanto que dende ese punto se vai cara eses dous puntos estratéxicos, onde existe unha ponte que permite atravesar eses dous ríos.

Volvendo ao percorrido da vía XX, dende a Lanzada ou AD DUOS PONTES continuaría atravesando toda a Ría de Arousa, unha zona rica e poboada, coma hoxe en día, na que hai numerosos castros e salinas. Algún destes castros como o vilagarcián de Castro Alobre, escavado recentemente, tamén está aportando gratas sorpresas, con restos que testemuñan unha ocupación primeiro castrexa e logo romana, e a aparición de numerosas pezas en bronce e obxectos que falan dun comercio a longa distancia do que falamos (Terra Sigillata de obradoiros Rioxanos e de verniz negro itálica, cerámica púnica e íbera...). O último punto desta ruta marítima sería GLANDIMIRO que o autor citado fai coincidir con acerto na miña opinión, nas Torres de Oeste, Catoira. Emprazamento estratéxico situado na boca da ría, que seguro tivo importancia dende moito antes do medievo. A partir de aquí a ruta prosigue por terra, pasando seguramente pola cidade de Iria ata ATRICONDO, que para o autor sería a Santiago romana. E de aí a Lugo e Astorga.

Esta teoría ten para min moitas posibilidades de ser certa. Acaso esta ruta que atravesa a ría cara a Santiago non continúa sendo importante na Alta Idade Media?. A tradición cristiá considera que Atanasio e Teodoro traen dende Palestina ao Apóstolo Santiago, fose este o Apóstolo ou Prisciliano traído dende Tréveris, probablemente estaban seguindo a ruta máis idónea para chegar a Santiago e ao interior de Galicia, como anos máis tarde farán vikingos e musulmáns.

Á autora deste blog interésalle resaltar a importancia do xacemento da Lanzada, que viría reforzado si se confirma que a vía XX atravesaba a ría de Arousa e ao mesmo tempo pode confirmar tamén a existencia en Cambados dun asentamento romano ou incluso anterior, de importancia,  no illote de san Sadurniño?. E animar deste xeito a Concello e Deputación a realizar algunha intervención arqueolóxica. Estanse facendo neste momento escavacións na Lanzada e Castro Alobre e a prensa anunciou fai pouco que hai intención de facelas en Vilanova (Cálago), non quedarían incompletas sen escavar en Cambados? Dito queda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario