xoves, 29 de decembro de 2016

O PAZO DE FEFIÑÁNS (1). XENEALOXÍA ABREVIADA

Inicio aquí unha serie de entradas sobre o Pazo de Fefiñáns. Fai tempo que tiña ganas de poñerme a investigar sobre os aspectos históricos e artísticos deste monumento cambadés. Atopei o mesmo que acontece con outros monumentos cambadeses, que á penas se ten traballado sobre el. Fixéronse aproximacións parciais pero non se abordou o estudo en profundidade do material que aínda garda o seu arquivo. O resultado son textos con afirmacións imprecisas, contradictorias ás veces e en moitos casos erróneas que se repiten duns autores a outros.

A miña intención é ir "á fonte limpa": estudar a documentación conservada, sabendo que pode ser un traballo de varios anos. Sen presa pero sen pausa intentarei chegar o máis lonxe posible. Do que vaia atopando irei dando conta a través deste modesto blog,

Empezo nesta entrada cunha aproximación á xenealoxía familiar, sobre a que si hai bastante acordo entre os diferentes autores. Espero poñer un pouco de orde e deixar un esquema claro para que os que se aproximen a este blog teñan unha idea clara dos homes e mulleres que tiveron un papel destacado na historia familar e en moitos casos tamén un papel relevante na historia do pais.