venres, 25 de marzo de 2016

UNHA OBRA DE ASOREY EN CAMBADOS?

A imaxe de Xesús Nazareno que está na Igrexa parroquial de Cambados (non na capela do Hospital) poidera ser de Asorey.

Francisco Asorey empezou a súa formación como escultor en Sarriá, Barcelona. Alí existía un obradoiro de imaxinería relixiosa dirixida polo escultor Parellada. Polo tanto "as primeiras letras" artísticas do cambadés foron como escultor de imaxes relixiosas. Posteriormente adicouse a moitos xéneros escultóricos diferentes, pero nunca deixou de esculpir imaxinería. Podería decirse que foi "o último gran imaxineiro".


Obradoiro de imaxes relixiosas no Colexio Salesiano de Sarriá. O home de traxe puidera ser Parellada, mestre de Asorey. Foto facilitada polo Padre salesiano Amado Pérez. 


As imaxes relixiosas están feitas en madeira. A tradición de facer estas imaxes remóntase á Idade Media na cultura cristiá, pero podemos atopalas tamén na cultura grega e exipcia. Tiveron especial difusión durante o Barroco (ss. XVII-XVIII). Os encargos da Igrexa Católica pedían realismo e a técnica usada permitíao. Tampouco había tantos medios económicos como en Italia por exemplo, onde se facían en mármore. A madeira sae máis barata. Aparecen en Galicia,  nestes séculos e posteriores, un gran número de escultores que acadan un enorme grado de mestría: Gregorio FernándezFrancisco de Moure, Gambino, Felipe de Castro, Xosé Ferreiro... A Igrexa era a que tiña maior poder económico e polo tanto a que facía máis encargos, eso explica a non existencia á penas de escultura profana ou non relixiosa en Galicia neses séculos. Pese á enorme calidade dos artistas citados quizais está pouco valorada e coñecida a súa obra no momento actual. Asorey beberá de toda esta tradición escultórica galega.

As esculturas relixiosas fanse en madeira, logo recóbrense dunha capa de estuco (cola de coello+ xeso) que vai absorber ben a pintura ao óleo que se aplica posteriormente. Para gañar en realismo, moitas veces úsanse "postizos": pelo natural, ollos de cristal, marfil nos dentes... Unha técnica chamada "estofado" enriquece ás veces a policromía. A figura recóbrese de láminas de pan de ouro ou prata (nas zonas onde van ir as roupas) que logo se pintan por riba e finalmente ráspase esa pintura facendo debuxos que permiten ver por baixo o dourado, o resultado é moi vistoso e imita os brocados das roupas antigas.

Detalle do "estofado" da Virxe do Carme de Cuntis de Asorey. Foto: Maribel Iglesias

A primeira obra de escultura que coñecemos de Asorey é precisamente unha imaxe relixiosa. Trátase dun Cristo (que formaba parte dun Calvario coa Virxe e S. Xoán a cada lado) que se atopa no Colexio dos Salesianos de Barakaldo, a onde foi Asorey como profesor de debuxo e onde montou o seu primeiro obradoiro de escultura cos artistas vascos Beovide e Guraya. A datación aproximada é sobre 1908. Asorey tería sobre 19 anos. Chámanlle en Barakaldo: "O Cristo do Perdón".

Crucificado, Capela do Colexio dos Salesianos de Barakaldo. Foto: Maribel Iglesias

Pero imos á obra que nos ocupa hoxe. Púxome sobre a pista de que o Nazareno poidera ser de Asorey unha reseña nun xornal: El Ideal Gallego do 7-4-1920, pax. 2, que se pode consultar doadamente na BIBLIOTECA GALICIANA, alí dise:

DE CAMBADOS

La Semana Santa en esta villa resultó muy solemne, predicando en el Lavatorio, Descendimiento y Soledad el ilustrado capellán de la Casa-Hospicio de Pontevedra Sr. Vidal Vecino, estando muy elocuente y a gran altura, y en el encuentro y Pasión, el coadjutor Sr. Rodríguez Cadarso, siendo muy elogiada su labor oratoria.
Las procesiones respectivas resultaron muy brillantes, especialmente la del Santo Entierro que presidió el Ayuntamiento con las autoridades militares.
 Haremos mención de una hermosa escultura del Nazareno, obra del ilustre paisano, hijo de Cambados, Sr. Asorey. Fué estrenada esta imagen este año y es de completo agrado del pueblo. Por su autor podemos juzgar la obra de arte.  

Consérvanse algunhas fotos antigas onde se pode ver a imaxe. Corresponden seguramente aos anos 40.

"O Santo Encontro" na Praza Alfredo Brañas. O Nazareno vese na parte dereita da foto. Aparece na publicación, "Cambados dos tempos idos" coordinada por Luís Rei e editada en 1990. Alí indícase que a foto é de 1944.




Probablemente é da mesma data esta foto que nos facilitou Manolo Pillado a través do grupo de facebook: Fotos de Cambados.

Para recoller máis datos sobre esta escultura visitei o Arquivo Diocesano de Santiago que se atopa no edificio do Seminario Maior. Alí conservan a maior parte da documentación das parroquias da diócese de Santiago. Teñen tamén unha catalogación das imaxes que existen nas igrexas desa diócese (á que pertence Cambados) feita polo profesor Ares Espada, na que se indica que esta imaxe pertence a Asorey. Pero non se di de onde se obtén a información e data a imaxe nos anos 40.

Os datos que teño parecen indicar que efectivamente a escultura sae do taller de Asorey. Pero, cal é a súa data? 1920, como indica o xornal, é a mesma imaxe que temos hoxe? anos 40 como di Ares Espada?

Alguén pode facilitarme algún dato máis?


A escultura do Nazareno hoxe. Trátase dunha imaxe de vestir. Só están esculpidas, rostro, brazos e pernas. Os brillos da policromía (que non aparecen noutras obras de Asorey) parecen indicar que probablemente foi repintada. Fotos: Maribel Iglesias.