domingo, 11 de outubro de 2015

O PAZO DE MONTESACRO (II) por Sindo Mosteiro

Continúa Sindo adentrándose na historia dos Zárate e Murga, esta vez toca unha pormenorizada análise do seu pazo.



 Pazo de Montesacro en San Tomé do Mar. Postal de 1910

Polo que respecta ao pazo que se ergueu na vila de San Tomé do Mar para albergar a nacente estirpe dos Montesacro, unha das obras máis destacadas da arquitectura civil galega do seu tempo, xunto co pazo de Sistallo, a Casa do Concello de Lugo e unha presadiña delas máis, non semella que puidese ter sido feito en tempos do primeiro marqués, atendendo ao seu estilo, que concorda mellor co que se estaba a facer na década dos anos 30 dese século XVIII. Desde logo, se, como me parece, é unha obra trazada polo xenial arquitecto compostelán Simón Rodríguez, non podería ser anterior á súa estancia na cadea ata 1714, a causa dunha obra colindante ao convento dos agostiños de Santiago, asunto que remataría coa absolución e indemnización. Nos anos 30 xa estaba consagrado e traballaba para a igrexa dos xesuítas de Santiago e a dos mercedarios de Conxo, así como noutras de menor empaque.

Lenzo de muralla do pazo de Montesacro co característico machón, ca. 1950.


 O conxunto componse polo edificio principal e outros anexos, entre os que se debe salientar a capela da Virxe da Valvanera, cinguindo o predio unha forte muralla que se reforza nas esquinas e entradas con poderosos machóns cilíndricos rematados en semiesfera e pináculo, da que se ten perdido unha boa parte a causa da venda de solares para construción, algo que non debeu ser permitido no seu día, pois forma parte intrínseca do conxunto do pazo.



O tipo de construción é moi semellante ao habitual pazo compostelán, similar, por exemplo, á Casa do Deán, cunha porta principal onde se centra a decoración, que dá acceso a un zaguán amplo do que parte unha esqueira monumental dun só tiro para comunicar as estancias inferiores cos cuartos superiores, animada por balaústres elegantes e machóns decorados con placas recortadas, tendo conta da viguería por medio de ménsulas labradas con acantos. 

Pazo de Montesacro. Interior. Esqueira monumental. Foto Sindo Mosteiro, 2015



 Pazo de Montesacro. Interior. Ménsula do zaguán. Foto Sindo Mosteiro, 2015
 
O zaguán serve de distribuidor para espacios anexos como as adegas, cortes, talleres, leñeira, cociña e outros. Por aquí entraba eu con meu pai desde moi neno para levar en ofrenda, polo tempo do Nadal, un cargamento de roscas e pan de festa para os velliños aquí arrombados puidesen levar con mellor humor esas datas tan familiares.

Aquí está inmediato, tras un gran arco de medio punto labrado con placas recortadas, un distribuidor organizado como un patio ao que se abren distintas portas no baixo e primeiro andar, todas elas recercadas e molduradas no lintel, no que hai sempre un green man entre follato, tema que se retoma no escudo. Redúcese o ornato moito, xa non interesa tanto a incorporación da natureza á arquitectura como en décadas pasadas. Céntrase o repertorio plástico en cornixas, chemineas e sineiro que se recortan contra o ceo, buscando así a beleza das perspectivas, o xogo co entorno como unha verdadeira creación urbanística como escenografía, tendo en conta o lugar que ocupa o edificio que, por outra parte, non é máis que unha mole poderosa de pedra, de precisa técnica de estereotomía, enfrontada ao mar veciño como o fan os grandes cons sobre os que se asenta San Tomé do Mar.


Pazo de Montesacro. Interior. Porta con “green man” no lintel. Foto Sindo Mosteiro, 2015 



A este respecto hai que sinalar a afectación que supuxo para o seu deseño orixinal e para a súa correcta visión coa perspectiva que lle foi dada, a construción da escalinata que comunica o nivel da praia co da rúa superior a mediados dos anos 60 do século XX, xa que a súa excesiva elevación afoga parte da fachada. A pesar diso téñolle certo aprecio, pois nesta escalinata traballou, segundo el mesmo me ten contado, o meu tío avó Pepito, que foi un verdadeiro avó para min.
Creo que unha solución mellor sería unha grada simple que rematase ao nivel da rúa superior, aínda que se perdesen as casetas aproveitadas nos baixos da escalinata. É moi característico do momento prescindir da utilización do orde clásico de columnas, a moi escueta decoración vexetal e a concentración do volume decorativo na parte superior. Procura sacar todo o partido posible ao aspecto rudo e poderoso do granito por medio dos elementos xeométricos. 

  San Tomé do Mar, 1934


Pazo de Montesacro. Foto de Secundino Iglesias Ortigueira, “Siorty”, publicada en “El Pueblo Gallego”, 30-VI-1963.


A fachada principal deséñase deixando ver a organización en baixo e un andar, separando ambos corpos por medio dun resalte liso a xeito de imposta que se ve reforzada pola molduración do balcón. Os tres vans deste primeiro nivel carecen totalmente de decoración, o que concorda coa parede espida. No seguinte nivel ábrense tres vans ao balcón cinguido por balaustrada de forxa, ademais doutros dous con antepeito de balaústres de forxa co mesmo deseño. Estes cinco vans teñen un mínimo resalte no contorno e están partidos. Establécese na cornixa, moi voada, unha molduración complexa que se ve interrompida por unha serie de placas recortadas, desde as que deitan a escorrentía da choiva dúas gárgolas prismáticas e molduradas arredor do escudo e outras dúas nas esquinas, que se    volven utilizar na parte posterior do edificio.





 [Arriba] Escudo do Pazo de Montesacro. Foto Sindo Mosteiro, 2012. [Abaixo] Escudo da sepultura do I marqués de Montesacro. Igrexa dos Terciairos, Santiago. Foto: Maribel Iglesias.






Pazo de Montesacro. Detalle do cornixamento, acrótera e gárgola. Foto Sindo Mosteiro, 2010.




 
[Abaixo] Capela da Virxe de Valvanera. Edícula. Foto Sindo Mosteiro, 2011.


Sobre cada unha das placas sitúase unha acrótera de perfil decrecente a xeito de pináculo rematado no que semella unha granada coas seccións lonxitudinais marcadas, solución semellante á que introducira Melchor de Velasco no século anterior e que se continúa con éxito cos arquitectos composteláns do XVIII. Para rematar o conxunto na parte central sitúase a edícula que dá abeiro ao escudo. Éste é semellante ao labrado para a tumba do primeiro marqués, salvo no tipo de decoración de follato, que aquí parte organizada en dous mazos simétricos desde cadansúa voluta que é apresada nunha grapa pola lingua dun green man. É unha decoración máis densa, de maiores contrastes, e evita xa as sartas de froitas. Na decoración naturalista, como ven sendo habitual, os seus elementos presentan un realismo inxenuo preñado de simbolismo. As armas e a cruz de Santiago son semellantes, así como a coroa de marqués, agora con máis profundidade, pero é novo o elemento do brazo armado cunha espada que parte da coroa. Non teño claro o seu significado, pero é posible que se trate dunha alusión simplificada á pertenza á “Hermandad por los Hijosdalgo de Salinas de Añana” que, como adoitaba suceder con outras corporacións alavesas semellantes, utilizaba o escudo de Portilla co castelo, o león e o brazo armado con espada, e que máis tarde pasaría a representar a todo o conxunto de Araba. Afírmase a edícula mediante dúas volutas, unha a cada lado, rematadas en cadanseu pináculo semellante aos xa descritos. Nas volutas búscanse distintos planos de relevo. Enriba do escudo sitúase un frontón semicircular moldurado, partido polo volume do escudo, aberto na parte superior, e rematado por cinco pináculos. Aquí hai unha preocupación clara por buscar xogos lumínicos e de perspectiva, a característica máis clara de Simón Rodríguez, coa procura do baldeiro activo, no que os planos en diferentes situacións atopan efectos de profundidade, favorecidos polas superficies descontinuas e fendas nos planos. Esta concentración da decoración na parte alta ademais está buscando a sensación de inestabilidade.

En canto á capela, está abeirada ao pazo pola parte oeste. Tense falado moito de que a advocación da Virxe de Valvanera foi traída polos Montesacro de La Rioja, e seguramente é o máis probable, xa que a nai dos primeiros marqueses era de San Millán de La Cogolla, a 33 km. do mosteiro de Valvanera, mais non hai que descartar que o impulso lles viñera tamén do santuario desta advocación, construído no século XVI, no lugar de Colta, a uns 200 km. de Quito, centro importante de peregrinación daquela parte do mundo durante moitos anos. Hai que lembrar que os dous primeiros marqueses tiñan arrendado o correxemento de Quito e debían ter un coñecemento pormenorizado dos asuntos do seu territorio. Mantense neste novo edificio a continuidade coa casa por medio do despece idéntico dos perpiaños, a liña de imposta plana que separa o baixo do primeiro andar, o conxunto de molduración da cornixa e o elemento integrado por placa recortada e pináculo da esquina occidental. Pero xa imos ver unha man diferente noutros elementos. Ademais da decoración xa descrita, o muro anímase cun eixo central composto pola porta de entrada, a edícula que dá abeiro á Virxe de Valvanera, unha fiestra e o pequeno sineiro. Este componse por medio de dúas pilastras sobre un lenzo no que se abre un arco de medio punto no que se inserta o sino. Tras unha moldura remátase con dous pináculos, un sobre cada pilastra, e unha cruz enriba da clave do arco. O elemento máis destacado é a preciosa edícula que se forma sobre dúas ménsulas caixeadas e cun colgante en forma de anel. Sobre elas móntase unha cornixa moldurada e, a eixo coas ménsulas, elévanse dúas pequenas pilastras caixeadas sobre zócalo e encapiteladas cunha fina molduración que se remata con cadanseu pináculo de forma esvelta e tope de bóla. Entre elas ábrese unha profunda edícula para abeirar á imaxe da Virxe de Valvanera que segue a súa iconografía orixinal rioxana, nunha actualización dezaoitesca de grande calidade do primitivo medieval. O van está cuberto por un arco de medio punto moldurado de xeito similar ás formas encapiteladas descritas, coa clave quebrada, sobre a que se coloca outro pináculo idéntico aos dous anteriores, en plano máis alto, e dando abeiro a unha cuncha de vieira adaptada á forma do arco. Claramente esta obra da capela é dun autor diferente ao que trazou o pazo, agora cun deseño equilibrado, elegante e menos dramático na busca de contrastes lumínicos, incorporando un elemento moi querido do rococó compostelán como é a cuncha de vieira. O interior non fai máis que confirmar esta apreciación.



 Virxe de Valvanera da capela de Montesacro. Estampa devocional.

É unha igrexa de nave única onde se combina o uso de rebos para a maior parte da superficie e perpiaño ben traballado para as partes estrutural e plasticamente máis visibles. Desafortunadamente, nesta moda absurda de repicar os recebados das últimas décadas, quedan os rebos ao aire, impedindo así o efecto orixinal de contraste de texturas e cores. Os arcos faixóns teñen conta dunha volta de canón, formada por rebos ben organizados transversalmente, que se separa da nave por medio dunha cornixa moldurada con bastante volume, que se ve interrompida por ménsulas nas que apean os arcos. O presbiterio, iluminado cunha fiestra abucinada cara o poñente, reduce as proporcións da nave en altura e ao largo, agora coa volta de canón formada con perpiaños sobre unha cornixa semellante á da nave, a menor altura, e con dous arcos faixóns sobre ménsulas nos extremos da volta. Hai que destacar os elementos mobles con que se completa o edificio, entre os que está unha vella imaxe de San Tomé portando lanza e libro como é común (véxase un paralelo en Santa Mariña de Ozo), probablemente unha peza popular manierista dos arredores do 1600, atendendo ao movemento do corpo, aínda que o repintado da policromía non permite precisar moito. Disque procede da antiga capela de San Tomé e San Sadurniño do pazo dos Soutomaior na illa da Figueira. Tamén hai dúas imaxes recentes da fundadora da “Congregación Caritativa Española de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados”, Santa Teresa de Jesús Jornet e Ibars, e da Virxe dos Desamparados tirada do modelo da súa basílica en Valencia. Esta ocupa o lugar do antigo púlpito do Evanxelio, hoxe desmontado en parte. Tamén hai un anxo a cada lado do inicio da volta do presbiterio.
Capela da Virxe de Valvanera. Interior. Foto Sindo Mosteiro, 2015

Pero o máis interesante é o extraordinario retábulo maior, seguramente o de maior calidade dos que hoxe se poden ver no concello de Cambados. É unha peza de corpo único e ático adaptado ao arco de medio punto do testeiro cun aspecto impoñente grazas á súa fastosidade ornamental. Iníciase cun pedestal decorado con placas, aberto por dúas portas que tamén fenden o nivel da predela. Conserva un precioso frontal de altar de guadamecí cun traballo de grande calidade en brocados e repuxados con motivos vexetais e flores de diversas especies. Lamentablemente, o mesado de altar foi modificado e recortado o seu volume, seguramente a conta da reforma litúrxica dos anos 60 do pasado século. A predela incorpora unha serie de ménsulas con decoración vexetal -sobre todo acantos- e testas de anxos a eixo dos elementos sustentantes superiores. 


Detalle do retábulo. Foto: Maribel Iglesias

 O corpo principal articúlase con dous pares de estípites dispostas en dous planos que buscan un efecto de maior profundidade cara o xa profundo fornelo principal casetonado, onde se coloca a titular da capela, a Virxe de Valvanera coa iconografía habitual derivada do modelo medieval rioxano, agora animada un tanto a súa rixidez coa graza xestual da fin do Barroco. Nos laterais hai cadanseu fornelo bastante plano onde se coloca un San Xosé co Neno no chan, en indumentaria de camiñante, na esquerda, e San Diego de Alcalá en hábito franciscano e portando a cruz e as rosas como elementos procedentes da súa lenda haxiográfica, na dereita. Sobre cada un destes dous fornelos hai un anxo portando un macizo de decoración vexetal. Remátase este corpo cun entablamento con arquitrabe, friso e cornixa que reproducen a sucesión de planos do nivel inferior, todo animado por moitos elementos decorativos diversos. O ático reproduce o xogo de planos inferior situando, no eixo das estípites, machóns que permiten un contraste de volumes, centrando de novo a atención cara a parte central, onde dous anxos, espidos e con pano de pureza, presentan o escudo coas armas de Zárate e Murga, coroa de marqués e brazo armado con espada, semellante ao xa descrito no exterior, agora tamén rodeado dunha orla vexetal. As albanegas son aproveitadas para situar dúas figuras de santos de menor tamaño e máis ríxidas no estilo que as inferiores, representando a San Francisco de Asís e Santo Antonio de Lisboa, ambos con hábito franciscano e cos seus respectivos elementos iconográficos: cruz e estigmas no caso do primeiro; neno, libro e azucena no segundo. Unha cornixa moi voada, que reproduce o movemento de planos inferior, remata o conxunto, engadindo dúas testas de anxos no seu volume. En canto á datación desta obra magnífica, hai que facer notar o uso de elementos decorativos que proveñen da escola barroca compostelá practicamente desde o principio, como son as restas de froitas, ao que hai que engadir o uso discreto de placas recortadas, tan do gusto de Simón Rodríguez e compañeiros de xeración, xa no século XVIII. Pero aquí é evidente a incorporación de elementos xa francamente rococós, caso da rocalla, cuncha e as estípites como elemento sustentante. Estas, aínda que introducidas na obra do retábulo maior de San Martiño Pinario por Fernando de Casas e Miguel de Romai no 1730-33, non se van poñer de moda ata os anos 40 e os 50. Tamén hai que ter en conta as tallas de San Xosé e San Diego de Alcalá, sobre todo esta de maior calidade, con ese cimbreado característico deses anos, posuíndo un aire familiar ás obras de Gambino do momento, aínda que sen chegar ao nivel de mestría do xenio compostelán. Parece claro, ademais, que os santos foron escollidos para acompañaren á Virxe de Valvanera tendo en conta a onomástica dos primeiros marqueses: Diego e Xosé. Morto o segundo marqués no 1743, é moi posible que a obra da capela estivese xa feita nese ano. En canto aos santos colocados sobre a cornixa superior, non semella que estivesen no plan orixinal, xa que non se lles deixou lugar axeitado para uns fornelos que os abeirase, aproveitando as albanegas como solución a posteriori. O seu estilo tamén se afasta un tanto dos anteriores. É moi posible que se colocasen no tempo do cuarto marqués, Antonio, morto no 1796.A capela aínda tería que ser restaurada co paso dos anos, tal e como se indica nunha inscrición, baixo o patrocinio de María Izquierdo Zárate, filla da VI Marquesa de Montesacro, no ano 1894.

Alameda de San Tomé do Mar. Postal de 1910.

Outro elemento que formaba parte do conxunto, como espazo de recreo fóra do recinto pacego, foi a alameda situada á beira da praia, de uso particular e cerrada cun muriño de pedra que se abría mediante uns machóns rematados en pináculos con bóla na cimeira. Pero os chopos e os pináculos non foron quen de sobreviviren ao mal entendido progreso que trouxeron pasadas décadas. Hoxe non resta máis que unha bóla como triste recordo do esplendor pasado.

Foto: Sindo Mosteiro



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario