domingo, 16 de setembro de 2012

HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS (I)

Temos en Cambados unha rúa chamada “Hospital” porque alí houbo moitos anos un “hospital para coléricos” é dicir enfermos de cólera e outras enfermidades infecciosas. Pero non era un hospital como podemos ver hoxe, non pasaba seguramente dunha casa normal con bastantes camas nas que se tiña illados aos enfermos contaxiosos e os coidados que se lles daban non ían máis alá de atendelos, darlles de comer e rezar por eles (de aí seguramente que se sitúe a carón da igrexa). Pero sabemos que alomenos houbo dous hospitais en Cambados e un provisional que funcionou durante o andazo de gripe de 1918.

 Pazo situado diante da capela do Hospital, hoxe propiedade da familia Daporta (antes da familia de Aniceto  Vidal) aínda se ve na foto a ponte que unía a casa coa horta e deixaba libre o camino que ía cara a fonte dos píos, “o camiño do río”.



Efectivamente a rúa Hospital, situada en Cambados, chámase así por existir alí un “antigo  hospital de coléricos” como dí no seu libro Xaquín Sánchez Peña e este hospital estaba “adosado a la iglesia”. Deixa moi claro Sánchez Peña que o antigo hospital non estaba situado no actual pazo dos Daporta (antes dos Vidal ou da Caramuxa) como ten aparecido nalguna publicación senón a carón da igrexa. 
 Páxina do libro manuscrito de Xaquín Sánchez Peña na que se describe e delimita a rúa Hospital.

Continúa dicindo Sánchez Peña: “Había un hospital llamado de Sancti Espiritu” e baseándose nun acta dunha xunta de beneficiencia de 1839 di que “aún existe la casa que sirvió de hospital, está unida a la capilla del hospital y tiene una inscrición que dice que fue fundado en el 1789”. Xoán Antonio Pillado dounos pistas sobre esa inscrición e atopámola doadamente no lintel dunha casa que está na rúa que vai por detrás da igrexa. Na inscrición vese claramente a data 1793 (non a que di S-P) e HOSP. Pese a que se mantén esta inscrición a casa que albergaba ao hospital probablemente xa non exista.
 As epidemias eran moi frecuentes en épocas nas que non había coñecementos sobre medicina e hixiene e nos que a xente humilde pasaba fame e miseria. Sánchez Peña de novo lémbranos que  en 1620 houbo fame en Galicia, en 1680, peste, en 1768, peste e fame que a miúdo ían xuntas xa que a xente mal comida tiña menos defensas para afrontar a enfermidade.  En 1865 houbo unha epidemia de viruela e colerina (?), no verán de 1881 unha gran epidemia de viruela negra, en 1891, 1892 e 1899 gripe e neste último ano tamén dengue. En 1838 houbo cólera e di S-P que por ese motivo o Concello decide construír o cemiterio de Fefiñáns e prohibir o enterramento nas igrexas. E en 1918 unha gripe moi forte coincidindo coa Primeira Guerra Mundial e que afectou a toda Europa e causou máis mortes que a propia guerra. A partir do descubrimento da penicilina e outros antibióticos e os novos coñecementos sobre hixiene estas epidemias desapareceron, isto unido á construción de novos hospitais (por exemplo o Hospital Provincial de Pontevedra) fixo que estas casas deixasen de utilizarse.
 Nesta imaxe vese a Capela de Sta Margarida e o cruceiro situado na rúa San Roque, santo moi avogoso para os temas de pestes e enfermidades infecciosas e motivo seguramente polo que dá nome a esta rúa que continúa a do hospital. No cruceiro (hoxe movido do seu emprazamento orixinal para abrir unha nova rúa) hai debaixo do Cristo unha figura de S. Roque

Ningún comentario:

Publicar un comentario