mércores, 18 de xullo de 2012

A TORRE DE SAN SADURNIÑO (I)



Subo nesta entrada o artigo que preparei xunto a unhas alumnas miñas sobre a historia da Torre de San Sadurniño. Presenteino como comunicación ao encontro CAMBADOS NA HISTORIA que fixo en Cambados no Museo do Viño en colaboración coa UIMP os días 26 e 27 de xullo.


A TORRE DE SAN SADURNIÑO,
 MOITAS PREGUNTAS E ALGUNHA RESPOSTA.

Mariña Busto Iglesias
Uxía Casais Fernández
Sara Falcón Fariña
Maribel Iglesias Baldonedo
Alba Rodríguez Aragunde

 Fragmento do mapa da xurisdicción de “Dozo da Torre”, s. XVII

                                 VILLA DE CAMBADOS , SAN THOME Y FAFIÑANES
“Destas villas la primera que se fundó fue San Tomé do Mar que es una islilla questá cercada de agua y quando devala queda en seco pero muy mojado y para poder entrar desde tierra a esta islilla hay una calçada de piedra gruesa, que será de alto como dos varas, y quando hay fortuna, la suele cubrir el mar y aun pasar un barco por encima. Esta isla se llama la Isla Vieja. Tiene una hermita que se llama San Tomé y también hay otro sancto que llaman San Saturnino. Tiene esta islilla una casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar .Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal, questá enterrado en Sancto Domingo de Pontevedra, en la capilla que ahora es San Jacinto. Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solian ser ochenta. No hay en esta islilla agua dulce.”     

Jeronimo del Hoyo, Canónigo y Visitador del Arzobispo de Santiago en el Asciprestazgo del Salnés, año de 1607.

Partimos neste breve traballo destes dous documentos: un esquemático debuxo conservado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago,  para marcar lindes de terras e xurisdición da Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre) e o relato do que ve o Coengo Jerónimo del Hoyo na súa visita ao Arciprestado do Salnés en 1607. Ambos documentos son en exceso esquemáticos e conteñen seguramente erros, pero son, que saibamos, os únicos que existen que nos falen con certo detalle do obxecto do noso estudo: A Torre de S. Sadurniño.
Comparemos mapa e texto, que deben corresponder a un arco de tempo similar pero extenso, o s. XVII. Di o Coengo que o asentamento no illote de S. Sadurniño é seguramente o primeiro das tres vilas históricas que hoxe constitúen Cambados. Este illote proporcionaba defensa e protección á primitiva poboación, en tempos tan inseguros como a alta idade media, sometida primeiro ao ataque de pobos xermanos  que se asentaron no territorio e logo a piratas vikingos ou normandos e tamén sarracenos (musulmáns) que saquearon as costas peninsulares durante varios séculos. De aí que ao ser o primeiro asentamento acabase chamándose, Vila Vella, ou “Villa Vieja”, tal como se ve no mapa: “Torre y cerca de Villa Vieja”, “Villa Vieja con mar alrededor”, “Entrada y salida de Villa Vieja”. Comenta tamén Jerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de Santo Tomé do mar. O debuxo parece que corrobora a afirmación de Del Hoyo porque aparece unha edificación anexa á Torre. E o historiador cambadés José Caamaño Bournacell comenta no seu libro “Cambados a la luz de la historia” de 1933, que nese ano aínda era posible ver os alicerces desta primitiva ermida. Logo fala o coengo que esta illa ten unha “casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar . Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal”, e aí atopamos un primeiro erro no documento porque seguramente Del Hoyo confunde ao mariscal Pedro Pardo de Cela que nada ten que ver con esta Torre, co tamén mariscal Sueiro Gomes de Soutomaior, contemporáneo do anterior, herdeiro da fortaleza de Lantaño e señor de Santo Tomé do Mar nos anos en que a Torre seguramente foi destruída polas Revoltas Irmandiñas de 1467.



E imos coas preguntas:

-           Cando e por que se fixo a Torre de San Sadurniño?

mércores, 11 de xullo de 2012

FESTA DE SAN BIEITO

Descubro por casualidade no facebook unha entrada onde se reproduce o cadro de Xaquín Sánchez-Peña sobre as festas de S. Bieito






Aparece no blog da bodega Gil-Armada que dende aquí recomendo porque ten entre outras cousas de interese unha fermosa presentación con fotos do Pazo.

O texto que acompaña ao cadro é o seguinte:


Hoy 11 de Julio se celebra la fiesta de San Benito patrón de Fefiñáns.
“Este óleo sobre tela montada en bastidor de 55 x 77 cm en buen estado de conservación, forma parte de la colección de pinturas del Palacio de Fefiñáns.
Reproduce la fiesta de San Benito que se celebra todos los veranos el día 11 de julio en la Plaza de Fefiñáns de Cambados, con la procesión del Santo, clérigos con vestiduras de gala y estandarte, los danzantes de Covas, el tiovivo y los muñecos de los gigantes. Se observa todavía la antigua escalinata central de la iglesia posteriormente eliminada en la remodelación y enlosado de la plaza que tuvo lugar en los años 60.”
(Juan Fernando de Laiglesia. ”Arte y cultura de Galicia y norte de Portugal”, tomo II Pintura y escultura. Siglo XX en Galicia, pp 158-159. Nova Galicia Edicións, S.L.. Vigo 2006)

Engado eu, porque mo ten comentado moita xente que aparecen retratados personaxes cambadeses da época. Axudadesme a identificalos? eu creo ver a Valle-Inclán, nas primeiras filas á dereita.

Neste meu blog tendes fotos da procesión e festa de San Bieito.

domingo, 8 de xullo de 2012

CAMBADOS NO ARQUIVO PACHECO

Xaime de Sousa Guedes Pacheco, nado nunha aldea da Serra da Estrela, formárase como fotógrafo no estudio do seu irmán en Ourense. Posteriormente trasládase a Vigo onde se asocia coa viúva dun fotógrafo de orixe italiano que ten o seu estudo na rúa Príncipe que en 1915 pasa a ser propiedade exclusiva del. Recentemente o Concello de Vigo comprou o seu arquivo e iniciou unha tarefa de recuperación das máis de 100.000 imaxes que posúe.

Con motivo do traballo que fixen sobre Asorey consultei este arquivo e atopei numerosas imaxes relacionadas co escultor e algunhas tamén con Cambados que mostro agora aquí.






O antigo Balneario da Toxa creado polo Marqués de Riestra



 E non faltan tampouco estupendos retratos de estudo de Asorey e Cabanillas